Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter

Obesidade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Obesidade
Clasificación e recursos externos
Peso normal, sobrepeso e obesidade.
ICD-10E66
ICD-9278
OMIM601665
DiseasesDB9099
MedlinePlus007297
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Persoa obesa cun IMC de 47 kg/m2.

A obesidade (do latín obesitāte) é unha condición médica producida pola acumulación excesiva de graxa no organismo. Isto pode provocar efectos adversos na saúde, como a redución da esperanza de vida e o aumento de problemas derivados.[1][2] Unha persoa é considerada obesa cando o seu índice de masa corporal (IMC), un indicador que se obtén ó dividir o peso da persoa en quilos entre o cadrado da altura en metros, excede 30 os kg/m2.[3] Considerado dun xeito técnico, sempre que se dea unha inxestión de calorías (a través dos alimentos) maior que o gasto enerxético do corpo haberá un cúmulo de calorías en forma de graxa. O corpo humano almacena calorías extras nesta forma porque é o medio máis eficaz, almacenando o dobre de calorías no mesmo peso do que se almacenaría como carbohidratos ou proteína.

A obesidade incrementa a probabilidade de padecer diversas doenzas, particularmente doenzas do corazón, diabetes tipo 2, certos tipos de cancro, e artrose.[2] A causa máis común da obesidade é a combinación do consumo excesivo de comida, falta de actividade física e a susceptibilidade xenética. Malia isto, algúns casos son causados polos xenes, desordes endócrinas, fármacos ou enfermidades mentais. As probas que apoian que hai persoas obesas que aínda comendo pouco gañan peso son limitadas; de media, as persoas obesas teñen un gasto enerxético maior que as que non o son debido á enerxía necesaria para manter un incremento de masa corporal.[4][5]

A dieta e o exercicio físico son os piares do tratamento da obesidade. A calidade da dieta pode mellorar reducindo o consumo de alimentos con altos niveis de graxa ou azucre, e incrementando o consumo de fibra alimentaria. Os medicamentos anti-obesidade poden ser tomadas para reducir o apetito ou inhibir a absorción de graxa xunto cunha dieta saudable. Se a dieta, o exercicio e a medicación non son efectivos, os balóns gástricos poden axudar na perda de peso e tamén existe a posibilidade de recorrer á cirurxía para minguar o volume do estómago e lonxitude do intestino, o que supón unha redución da sensación de fame e da capacidade para absorber os nutrientes da comida.[6][7]

A obesidade é a principal causa de mortes previsibles en todo o mundo, e está a ter un incremento da incidencia tanto en adultos coma en nenos. Para as autoridades é un dos máis serios problemas de saúde pública do século XXI.[8] Socialmente, está estigmatizada na meirande parte do mundo (particularmente no occidente), malia ser vista como un símbolo de saúde e fertilidade noutras épocas da historia, como segue a ser nalgunhas partes do mundo.[2][9] No 2013, a "Asociación Médica Americana" clasificou a obesidade como unha doenza.[10][11]

Índice de Masa Corporal - IMC[editar | editar a fonte]

O IMC (índice de masa corporal ou corpórea dunha persoa) é un indicador usado para avaliar cuantitativamente a obesidade. Obtense ó dividir o peso (en quilos) polo cadrado da altura (en metros). O IMC considérase normal cando o resultado é de 18 a 24,9; mentres que se está entre 25 a 29,9 considérase sobrepeso. De 30 a 34,9 é obesidade grao I; de 35 a 39,9, obesidade grao II e, por riba de 40, obesidade grao III ou obesidade mórbida. Por riba de 50 chámase super-obesidade.

Segundo a Enquisa Nacional de Saúde 2011-2012, presentada polo Ministerio de Sanidade o 14 de marzo de 2013, a obesidade afecta o 17% da poboación española de 18 anos ou máis (16% entre as mulleres e 18% entre os homes) e o sobrepeso ó 37% da poboación (33,5% e 45,3%, respectivamente). Facendo un estudo histórico obsérvase como estas porcentaxes van crecendo ano tras ano: en 1987 a obesidade afectaba o 7,9% das mulleres e o 6,9% dos homes, e en 2003, o 13,9% e o 13,3% respectivamente.

Na poboación infantil (entre 2 e 18 anos), as porcentaxes de obesidade son do 9,6% da poboación.

Insatisfacción co peso corporal[editar | editar a fonte]

Nalgunhas situacións debe atenderse ós obesos con equipos especiais como cadeiras máis anchas.

A obesidade caracterízase tamén como un problema de natureza estética e psicolóxica, alén de ser un gran risco para a saúde.

Sabemos que a relación dun individuo cos demais parte do xeito no que os nosos sentidos actúan e espertan en nós sensacións de atracción ou de rexeitamento. Sendo a visión un destes sentidos, a imaxe corporal que a persoa posúe é indispensábel para unha vida saudábel. A importancia da mesma leva a que a persoa se prece consigo, sabendo que a positividade deste factor contribúe, non só ao desenvolvemento de relacións coa sociedade, senón tamén coa autoestima e carisma presente en cada un de nós.

Esta imaxe corporal reflicte como vemos e o que vemos no mundo. A través das interaccións cos outros, modificamos a nosa imaxe, en función do que gustamos e do ambiente no que vivimos. Recollendo todos estes datos, podemos afirmar que a imaxe corporal está directamente influenciada por factores fisiolóxicos, psicolóxicos e sociolóxicos.

E aquí chega o conflito. O peso corporal está relacionado coa imaxe corporal que damos. Dentro das posibilidades do peso corporal dunha persoa, existe unha clase na que a persoa excede o peso ideal que debería ter, sendo chamada persoa obesa. Así, o peso corporal tamén se ve influenciado polos factores antes indicados e consecuentemente a obesidade é un problema derivado do mesmo.

Cando se sente un descontento grande coa imaxe corporal, hai unha tendencia ó comezo de dietas inadecuadas, inxestión emocional e compulsiva, disturbios na alimentación que poden xerar problemas aínda máis graves (anorexia, bulimia), exercicio excesivo e diminución da capacidade cognitiva.

Son cada vez máis as persoas que fican descontentas coa súa imaxe corporal debido a factores desta natureza. É por iso que a imaxe corporal é tamén cada vez máis coñecida como un problema médico e psicolóxico.

A referencia a comportamentos perante a insatisfacción co peso corporal pode tender a un aumento excesivo de peso (cando a persoa é ou coida que é magra) ou a unha diminución drástica de peso (cando a persoa é ou coida que é gorda). Neste momento, son moitas máis as persoas que tenden a comportamentos de perda de peso que as outras. Porén, é de salientar que aínda que moitas persoas o tenten, son poucas aquelas que realmente conseguen atinxir plenamente os obxectivos propostos.

A consciencia de que é necesario mudar é dos puntos máis importantes nesta área. Se a persoa está insatisfeita ou está mesmo con problemas graves de saúde, a iniciativa persoal é esencial. Só así se pode tornar unha persoa receptiva á posta en funcionamento de programas e tratamentos adecuados á doenza en cuestión.

Obesidade mórbida[editar | editar a fonte]

A obesidade mórbida é así chamada por ser unha condición causante de morbideza ou doenza por si soa. Os obesos mórbidos teñen máis tendencia ao diabetes mellitus (azucre no sangue), á hipertensión arterial (presión alta) e a problemas cardíacos e pulmonares.

O tratamento é con dietas e medicamentos inhibidores do apetito, podendo ata culminar coa necesidade de cirurxías para os obesos mórbidos refractarios ao tratamento medicamentoso e dietoterápico. Estes procedementos cirúrxicos son en xeral coñecidos como gastroplastias e só se deben facer despois da avaliación dun clínico, un nutrólogo, un psicólogo e un fisioterapeuta, alén do cirurxián. Equipos ben formados poden tamén contar con enfermeiros, asistentes sociais, profesionais de educación física e outros.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. WHO 2000 p.6
  2. 2,0 2,1 2,2 Haslam DW, James WP (2005). "Obesity". Lancet 366 (9492): 1197–209. PMID 16198769. doi:10.1016/S0140-6736(05)67483-1. 
  3. WHO 2000 p.9
  4. Kushner, Robert (2007). Humana Press, ed. Treatment of the Obese Patient (Contemporary Endocrinology). Totowa, NJ. p. 158. ISBN 1-59745-400-1. Consultado o 5 de abril de 2009. 
  5. Adams JP, Murphy PG (2000). "Obesity in anaesthesia and intensive care". Br J Anaesth 85 (1): 91–108. PMID 10927998. doi:10.1093/bja/85.1.91. 
  6. NICE 2006 p.10–11
  7. Imaz I, Martínez-Cervell C, García-Alvarez EE, Sendra-Gutiérrez JM, González-Enríquez J (2008). "Safety and effectiveness of the intragastric balloon for obesity. A meta-analysis". Obes Surg 18 (7): 841–6. PMID 18459025. doi:10.1007/s11695-007-9331-8. 
  8. Barness LA, Opitz JM, Gilbert-Barness E (2007). "Obesity: genetic, molecular, and environmental aspects". American Journal of Medical Genetics 143A (24): 3016–34. PMID 18000969. doi:10.1002/ajmg.a.32035. 
  9. Woodhouse R (2008). "Obesity in art: A brief overview". Front Horm Res. Frontiers of Hormone Research 36: 271–86. ISBN 978-3-8055-8429-6. PMID 18230908. doi:10.1159/000115370. 
  10. Pollack, Andrew (18 de xuño de 2013). "A.M.A. Recognizes Obesity as a Disease". The New York Times. Arquivado dende o orixinal o 18 de xuño de 2013. 
  11. Weinstock, Matthew (21 de xuño de 2013). American Hospital Association, ed. "The Facts About Obesity". H&HN. Consultado o 24 de xuño de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Artigos relacionados[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]