Pristina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 42°40′N 21°10′L / 42.667, -21.167

Pristina
Pristina photo montage 2013.png
Localización
Pristina en Serbia
Pristina
Pristina
Pristina en Kosovo
Pristina
Pristina
PaísFlag of Kosovo.svg Kosovo
DistritoDistrito de Pristina
Concellos de KosovoConcello de Pristina
Xeografía
Altitude652 msnm
Superficie854 km²
Demografía
Poboación465.186(2011)
Densidade661
Outros datos
AlcaldeIsa Mustafa
Páxina do Municipio

Pristina (Prishtina ou Prishtinë en lingua albanesa, Приштина ou Priština en serbio) é a capital de Kosovo, un país dos Balcáns europeos que acadou a independencia o 17 de febreiro de 2008. Ten 465.186 habitantes, segundo o censo de 2011.

Pristina á actualmente a maior cidade de Kosovo e capital do territorio, esperando unha resolución definitiva do seu status administrativo. Desde a fin da guerra, a cidade volveu aumentar a súa poboación e é o principal centro económico, político e cultural de Kosovo.

A economía da cidade depende de maneira especial dos sectores da alimentación, os produtos farmacéuticos, a xoiería e os téxtiles. Na localidade próxima de Sllatina (en albanés) ou Slatina (en serbio), está o Aeroporto de Pristina, único aeroporto internacional de Kosovo.

No ano 1960 fundouse a Universidade de Pristina, única universidade de Kosovo. Durante a época iugoslava, as clases impartíanse en serbocroata. Dende a fin da guerra, a universidade utiliza case de forma exclusiva o albanés como lingua de instrución.

O actual alcalde da cidade é Isa Mustafa, representante da Liga Democrática de Kosovo (LDK).

Historia[editar | editar a fonte]

Durante o Imperio Romano, a 15 quilómetros ó sur da moderna Pristina existiu unha extensa cidade chamada Ulpiana. A cidade foi destruída, pero sería restaurada polo Emperador Xustiniano I. Actualmente, a cidade de Lipljan atópase sobre aquela antiga cidade romana.

Despois da caída de Imperio Romano, Pristina naceu das ruínas da antiga cidade romana e debido á súa situación foi escolleita como rota que conducía cara tódalas direccións dos Balcáns. Por esta razón, converténdose nun centro comercial importante e como un dos camiños fundamentais para o comercio en Europa do sueste.

Durante o reinado de Milutin (12821321), o Reino de Serbia, debido á prosperidade da zona, traslada a capital do Estado a Pristina; mais, dito status só durou até a Batalla de Kosovo de 1389, cando o exército do Imperio Otomán derrotou ao exército de coalición dos Balcáns. Posteriormente, toda Serbia sería conquistada polos turcos en 1459.

O escritor albanés, Pjetër Bogdani, viviu e traballou na cidade por este tempo. Publicou o seu primeiro libro Çeta e Profeteve (A banda dos profetas) en 1555. Durante o Imperio Otomán, a cidade transformouse culturalmente, convertendo a gran parte dos pobos eslavos e albaneses ao islam.

Despois do ano 1870, os albaneses que habitaban a rexión formaron a “Liga de Prizren” para opoñerse á soberanía otomá, e acabarían formando un Goberno provisional no 1881.

No 1912, Pristina, canda o resto de Kosovo, foi brevemente anexionada ao recente Estado Independente de Albania, mais ao ano seguinte, as grandes potencias da zona forzaron a Albania a ceder a rexión a Serbia. No 1918, Kosovo foi incluído en Iugoslavia, aínda que sen autonomía ningunha.

Antes da Segunda Guerra Mundial, a cidade era etnicamente mixta, con grandes comunidades de albaneses e serbios. Os conflitos entre ambos grupos étnicos comezaron a agravarse cando os albaneses de fe musulmá son deportados para Turquía como consecuencia dun programade limpeza étnica aplicado polas autoridades serbias. Os musulmáns albaneses foron identificados como turcos e así desafiuzados dos seus fogares tiveron que ir a Turquía, onde moitos deles foron obrigados a cambiar os seus nomes por outros de orixe turca e foron enviados polas autoridades turcas cara as provincias habitadas maioritariamente por armenios e gregos.

A comezos da Segunda Guerra Mundial, a poboación serbia da cidade viuse minguada debido á persecución que os serbios sufriron polas tropas alemás. Dende o 1941 até 1945, Pristina foi anexada ao Reino de Italia xunto a Albania.

Pristina despois da Segunda Guerra Mundial[editar | editar a fonte]

En 1946, Pristina converteuse na capital da Rexión Socialista Autónoma de Kosovo. Entre 1953 e 1999, a poboación aumentou de aproximadamente 24.000 a máis de 300.000 habitantes. Todas as comunidades nacionais creceron durante este período, pero o maior aumento deuse na poboación albanesa, debido a unha crecente migración das áreas rurais cara a capital.

Dende 1953 a 1981, a poboación albanesa aumento arredor de 9.000 a 76.000 habitantes. As poboacións serbias, en troques, aumentaron dun xeito máis modesto de 8.000 en 1953 a 21.000 en 1981. A comezos da década de 1980, a cidade estaba constituída nun 70 % por albanokosovares.

Aínda que Kosovo estaba baixo o mandato dun membro albanés do Partido Comunista local, a diminución da economía e a inestabilidade política a finais da década de 1960 e comezos dos 80 conduciu a agrmos de malestar nacionalista. En novembro de 1968, as protestas estudantís de Belgrado estendéronse cara a cidade, mais foron reprimidas polas forzas de seguridade iugoslavas. Algunhas demandas dos estudantes foron atendidas polo goberno de Tito, como o estabelecemento da Universidade de Pristina como unha institución autónoma. Estas reformas fixéronse despois dun longo período onde a lingua albanesa e a bandeira albanesa estaban totalmente prohibidas.

En marzo de 1981, os estudantes da Universidade de Pristina tomaron o edificio como protesta pola mala calidade dos alimentos que o comedor universitario ofrecía. Esta manifestación, aparentemente sen importancia, rapidamente se tornou de carácter nacional, estendéndose a todo Kosovo. Nos meses posteriores as manifestacións masivas fixéronse populares en Pristina e outras cidades. A Presidencia comunista iugoslava mandou reprimir as protestas, declarando o estado de emerxencia e provocando choques entre manifestantes e forzas de seguridade. O resultado foron varios mortos, e moitos detidos e castigados.

Pristina dende a guerra de Kosovo até a actualidade[editar | editar a fonte]

Torres da UNMIK en Pristina

Despois da redución da autonomía kosovar polo presidente serbio Slobodan Miloševic en 1990, un réxime severamente represivo cara a comunidade albanesa foi instalado na cidade e en toda a provincia, sendo moitos albaneses despedidos das industrias e institucións estatais.

A Universidade de Pristina foi vista como un criadeiro do nacionalismo albanés, polo que foi purgada. Despedíronse a 800 catedráticos albaneses e 22.500 de 23.000 estudantes foron expulsados. En resposta ao acontecido, os albanokosovares establecen un “goberno de sombra” baixo a autoridade da Liga Democrática de Kosovo (LDK), conducida polo escritor e intelectual Ibrahim Rugova. Aínda que a cidade, formalmente fose controlada polas autoridades serbias que o Goberno de Miloševic designaba, o LDK estableceu estruturas paralelas, financiadas por contribucións de empresas e institucións privadas, de maneira que tanto a educación como a saúde fóronlle proporcionadas aos albaneses que nese momento o Goberno serbio lles negaba.

A partir de 1996 en adiante, o Exército de Liberación de Kosovo comezou a atacar forzas iugoslavas e serbias, mais Pristina permaneceu en paz até marzo de 1999, cando comeza a guerra de Kosovo. A cidade foi declarada en estado de emerxencia a finais de marzo e grandes áreas foron sitiadas. Despois de que as forzas aéreas da OTAN empezaran a sobrevoar sobre Iugoslavia o 24 de marzo de 1999, a violencia estalla en Pristina. Forzas serbias e iugoslavas xunto a paramilitares serbios tomaron varios distritos da cidade, expulsaron, asasinaron e saquearon en grande escala ás poboacións de etnia albanesa. Moitos dos expulsados foron levados en trens até a fronteira con Macedonia do Norte, onde foron abandonados e forzados ao exilio.

O Departamento de Estado dos Estados Unidos estimou en maio de 1999 que entre 100.000 e 120.000 persoas foron expulsadas de Pristina polas forzas do goberno e os paramilitares.

Ao rematar a guerra, a maioría dos 40.000 cidadáns serbios, escaparon de Pristina por temor a represalias. Algúns dos que ficaron foron posteriormente vítimas das cuadrillas albanesas que buscaban vendeta, decrecendo máis a poboación serbia. Outros grupos étnicos acusados de colaborar coas forzas serbias contra as poboación albanesas, como os xitanos, foron obrigados a abandonar o lugar, debido aos ataques dos nacionalistas albaneses.

Segundo o Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR), en agosto de 1999, polo menos 2.000 serbios deixaron a cidade. Mais, o número de exiliados serbios sufriu un grande aumento tralos disturbios de Kosovo no 2004.

Cidades irmandadas[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. www.tirana.gov.al (ed.). "Twinning Cities: International Relations" (PDF). Municipality of Tirana. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de outubro de 2011. Consultado o 6 de febreiro de 2010. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]