Análise de Valiant Heart: The Great War

Por: Xoves, 26 de Marzo de 2015
A resolución de puzles é sinxela, pero orixinal

A resolución de puzles é sinxela, pero orixinal

Un dos grandes problemas co que se atoparon os desenvolvedores de videoxogos dende sempre foi encontrar a correcta maneira de transmitir a historia que queremos contar, envolver o xogador na propia aventura. Non só que siga o fío argumental, senón que se sinta parte dela.

Pois ben, Ubisoft Montpellier crea unha novela gráfica baixo o nome de Valiant Hearts: The Great War, que non só consegue contarnos unha historia verdadeiramente fermosa (dentro do que é unha Guerra Mundial) senón que nos agasalla cunha clase de historia interactiva que nos implica, aínda máis, a meternos na pel dos protagonistas.

Como xa adiantaba antes, Valiant Hearts é unha aventura gráfica na que nos narra a historia de varios protagonistas na Primeira Guerra Mundial, que verán como os seus camiños se cruzan ao longo de catro longos capítulos. Todo baixo unha interface de cómic interactivo dunha beleza enorme, que vos vai facer quedar observando os escenarios unha e outra vez grazas ao seu estilo propio.

Pero antes de falar do apartado audiovisual, pasemos a comentar un pouco o seu desenvolvemento. Se algo caracteriza as aventuras gráficas é a resolución de quebracabezas, a través da investigación de escenarios para recolectar obxectos que nos permitirá pasar á seguinte zona. E aquí debemos mencionar que, ao manexar a protagonistas diferentes, tamén teñen recursos e misións diferentes, aínda que controlando todos de maneira exacta.

Isto permite dar ordes a un can para que acceda a zonas que nós non podemos, empregar a forza (moi poucas veces), curar a aliados e mesmo pilotar un coche dende unha visión frontal nun pequeno minixogo de habilidade que vos fará desfrutar. E é que simplemente escoitar como nos lanzan bombas a ritmo da música (grandes temas clásicos que recoñeceredes enseguida) mentres vamos esquivando os perigos é… delicioso.

Atoparédesvos con pequenos minixogos de habilidade

Atoparédesvos con pequenos minixogos de habilidade

Pero aquí saco á luz o que para min é o grande erro de Valiant Heart: a dificultade. Porque sendo unha aventura gráfica, non nos supón absolutamente ningún desafío e avanzaremos sen ningún tipo de problemas nin trabas. A desenvolvedora francesa debeu arriscar algo máis neste apartado para ofrecer unha experiencia máis progresiva, porque mesmo certos minixogos de habilidade que nos propón a aventura podemos superalos á mínima.

A pesar disto, a duración é moi boa para un título deste calibre (9-10 horas). E aínda que a historia se divida en apenas catro capítulos, estes teñen múltiples subdivisións. Xa vos adianto que non é un xogo para pasar nunha tarde. E se engadimos que ao longo dos escenarios están escondidos sempre unha serie de obxectos, axúdanos a avanzar de maneira atenta e amodo.

Isto lévame falar a outro dos grandes acertos de Valiant Hearts, a clase de historia. Si, podemos falar de clase de historia, porque cada obxecto que topamos conta cunha descrición histórica sobre a súa relevancia na primeira Grande Guerra. E non só iso, senón que por cada fase que desbloqueemos (por non dicir que avancemos) ponse ao noso dispor unha serie de documentos que nos narran, de maneira breve pero efectiva, algunhas das pasaxes sufridas naquel conflito tan duro e estremecedor como real. E aínda que estes documentos son opcionais de ler, dende Memoria Pixelada vémolos case obrigatorios ao xogar este título, porque non só nos fai saber datos que ao mellor decoñeciamos, senón que esas historias están ligadas á historia que vivimos no propio xogo, polo que nos axuda aínda máis a meternos na historia. De verdade, sublime.

Recorrer todo o escenario, unha constante

Percorrer todo o escenario, unha constante

Agora tócame falar do apartado audiovisual, pero tendo en conta que Ubisoft Montpellier foron os encargados dos últimos Rayman, tampouco sorprende tanto que este apartado sexa sobresaliente. Graficamente é como ver un auténtico cómic en movemento, nin máis nin menos, con escenarios cheos de detalles (en certa maneira minimalista), pero quizais sexa isto o que lle da tanta personalidade a este apartado.

Alén disto, durante toda a historia non existen os diálogos, simplemente se nos indican as misións a través de imaxes, limitando os diálogos ao do narrador que nos introduce en cada capítulo de maneira perfecta.

E no referente a banda sonora, outro tanto do mesmo. Dependendo do capítulo podemos escoitar dende alegres cancións da época até grandes clásicos introducidos no títulos de maneira maxistral. Mención especial á música que escoitamos cando estamos a ler os documentos históricos, baseada simplemente nun piano que nos evoca a tristeza e desesperación do que supón un conflito así.

CONCLUSIÓN

Estamos ante un xogo sobresaliente en case todos os seus aspectos, que nos fai vivir unha historia fermosa chea de emoción, tensión e tristeza a través dun cómic interactivo, e que nos consegue somerxer de cheo nel grazas a maneira soberbia de nos contar unha historia.

Os subscritores a PSN Plus non teñen escusa este mes para non lle dar unha oportunidade a este título que parece que pasou desapercibido, xa que o poden descargar de maneira gratuíta.

Se lle perdoades a dificultade e vos gustan as aventuras gráficas, ou simplemente as aventuras fermosas, non o dubidedes e botádelle man.

PUNTUACIÓN
  • GRÁFICOS:
    9.2
  • SON:
    8.8
  • XOGABILIDADE:
    9.3
  • DIVERSIÓN:
    9.5
  • DURACIÓN:
    8.3

  • FINAL:
    9
NOTAS DOS USUARIOS

Ningún usuario opinou aínda sobre este videoxogo.

Podes ser o primeiro en facelo.

  • 0
  • 0
  • 0
  • 0
  • 0

  • 0

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario